Na pestaña calendarios tedes a programación das distintas instalacións

viernes 3 de julio de 2009

O CN Waterpolo viaxará a Portugal para competir no 7º Torneo de Povoa de Varzim

O equipo absoluto pontevedrés participará por segundo ano consecutivo neste torneo internacional que terá lugar en Povoa de Varzim.
Na competición, que terá lugar os días 4 e 5 de xullo, participarán tamén os equipos absolutos dos clubs C.N. Povoense, C.F. Portuense, Lousada Sec.XXI e C. Propaganda Nataçãos. O club de waterpolo pontevedrés será o único representante español neste torneo que se disputará na modalidade de liga. Todos os clubs xogarán catro partidos, dous o sábado e dous o domingo. Os horarios previstos son os seguintes:
Sábado 4, 17:00 h – CN Pontevedra - Lousada Sec.XXI Sábado 4, 19:20 h – CN Pontevedra - C. Propaganda Natação Domingo 5, 13:00 h - C.N. Povoense - CN Pontevedra Domingo 5, 15:40 h - C.F. Portuense - CN Pontevedra
Os pontevedreses viaxan con baixas nas súas filas, ausencias produto das obrigacións laborais dos seus compoñentes. Malia isto, Adrián Fernández, Roberto Acuña, Pablo Rodríguez, Carlos Ramírez, Miguel Montojo, Juanjo Vázquez, Ángel Villafranca, Pablo Seoane, Guillermo Atienza, Bran Touriño e Miguel Abeledo loitarán por acadar os mellores resultados.

Ler mais......

miércoles 1 de julio de 2009

Máis de 100 mozos do municipio participan a vindeira semana nos VIII Xogos do Eixo Atlántico

Máis de 100 nenos participan a vindeira semana nos VIII Xogos do Eixo Atlántico que se celebrarán do 5 ao 10 de xullo na cidade de A Coruña. Estes xogos serán un tempo de convivio, diversión, intercambio e lecer entre miles de mozos e mozas do noroeste peninsular que estarán representando aos concellos máis poboados de toda Galicia e o norte de Portugal. Os técnicos municipais e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro mantiveron esta tarde un encontro cos nenos no Pazo da Cultura para explicarlles como será a viaxe até a Coruña e a súa participación nestes xogos. Os 103 nenos (cadetes nados en 1993 ou posteriores) que participarán nestes Xogos do Eixo Atlántico, faránno nas seguintes probas:
• Fútbol 7 masculino
• Baloncesto masculino e feminino
• Voleibol feminino
• Balonmán masculino
• Atletismo
• Atletismo discapacidade
• Natación
A vontade da VIII Edición é que os mozos e mozas do norte de Portugal e Galicia compartan experiencias nun espazo no que o convivio deportivo tense que ver influenciado polos apartados sociais, culturais e turísticos que durante a semana dos xogos van enchoupar a tódolos os deportistas.

Ler mais......

martes 30 de junio de 2009

Óscar Peón, do Macesport, medalla de bronce no Campionato de Europa de Taekwondo

Óscar Peón fíxose coa medalla de bronce despois de vencer en primera ronda ao turco Akizf Ozturrk por 5 a 4. En semifinais non tivo tanta sorte, perdeu ante o grego Thedoros Koumousidis por un resultado moi axustado, 6 a 5. O combate estivo moi igualado, o pontevedrés consegui poñerse á súa altura con dous doliochaguis ao final do combate na cabeza técnica (que vale dous puntos), máis aínda que houbo reclamacións, os árbitros só concederon dous puntos ao pontevedrés, quedando asi privado de disputar a final.
Porén, este resultado constitúe todo un éxito na carreira deportiva de Óscar, sobre todo tendo en conta que a última fase da preparación é a máis importante e que tivo que compaxinar os duros adestramentos coa recta final de exames.

Ler mais......

lunes 29 de junio de 2009

A Concelleira de Deportes despedirá mañá á expedición dos VIII Xogos Atlánticos

Ás 19:30 horas terá lugar ó acto de presentación, no Pazo da Cultura, dos deportistas pontevedreses que viaxarán á cidade da Coruña para participar nos VIII Xogos do Eixo Atlántico.
A expedición pontevedresa, formada por 103 persoas, reunirase no Pazo da Cultura para coñecer o programa básico de viaxe (percorrido, estadía e probas). O acto, que durará aproximadamente unha hora, contará coa presenza da Concelleira de Deportes, Anxos Riveiro Portela, que despedirá aos nosos representantes e aproveitará para transmitirlles os mellores desexos.

Ler mais......

viernes 26 de junio de 2009

Nova ruta de sendeirismo con Montañeiros de Pontevedra

ROTEIRO MARIÑAN

O vindeiro 19 de xullo de 2009 e cunha dificultade media - baixo o Club Montañeiros de Pontevedra organiza unha actividade veraniega de máximo interés paisaxístico na costa de Oleiros.
PARTICIPANTES.- máximo 40 persoas
INSCRICIÓNS: ata o xoves dia 16 de xullo.
COTA: para os non socios do C. Montañeiros de Pontevedra 25€.
DESENVOLVEMENTO: O percorrido e moi variado imos ter costa e monte. Camiñando por iste roteiro atoparemos paisaxes espectaculares, fermosos cantis, aves mariñas, sendeiros tranquilos e tamen arquitectura popular, antigas baterías de costa, castros e unha mostra importante da flora carcterística da zona. Partiremos da praia de Mera en direccion a punta Mera, alí atoparemos os faros do mesmo nome e maila antiga casa dos fareiros convertida na actualidade en "aula do mar". Tamen visitaremos a insua de monte Mean, pasaremos preto da fonte de Canabal, tamen iremos a punta de Seixo Branco para coñecer as tres furnas que alí se atopan.estaremos na poboacion de Dexo para ver a sua igrexa románica e o portiño. Votaremoslle unha ollada a illa da Marola, logo iremos a Lorbé para coñecer o seu porto e a casa do pobo . Tamen pasaremos por Maianca para ver os muiños e a sua igrexa prerrománica, votaremoslle unha ollada a lagoa de Mera e remataremos o percorrido na praia ,e si o tempo o permite disfrutaremos dun relaxante baño. Todo o roteiro é moi interesante, pero como non podía ser menos tamén atoparemos algun asfalto, que compesaremos coas fermosas vistas ó fondo da cidade da coruña coa sua Torre de Hércules.

Ler mais......

miércoles 24 de junio de 2009

A Selección Española de Hockei visita Pontevedra antes do Mundial

A selección española de Hockei que aterrizou o pasado domingo no aeroporto de Peinador, visitou onte a nosa cidade nun acto de recepción co Alcalde e a Concelleira de Deportes, xunto a unha chea de rapaces que aproveitaron a ocasión para facerse fotos coas súas estrelas.
A selección española de hockey sobre patíns visitou Pontevedra nun acto enmarcado dentro da semana de concentración en Vigo co obxectivo de preparar o Campionato do Mundo que terá lugar nas cidades de Vigo e Pontevedra entre o 4 e o 11 de xullo. O Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto á Concelleira de Deportes, María Dos Anxos Riveiro, recibiu á selección na Praza da Alameda de Pontevedra, nun acto que contou coa presenza inesperada de varios nenos e pícaras. O Alcalde, tras dar a benvida aos xogadores e amosar o seu desexo de poder albergar á selección, animounos a dar o máximo neste Campionato do Mundo. Así mesmo, asegurou, dirixíndose a Feriche, que "en Pontevedra animaremos a aquela selección que máis vos interese para os cruces de semifinais".
Lores aproveitou tamén a oportunidade para invitar á selección a gozar de Pontevedra nalgún outro día de descanso. Pola súa banda, Carlos Feriche puxo de manifesto a gran hospitalidade da que está gozando a selección "tanto en Vigo como en Pontevedra" e prometeu que os seus xogadores ían pór todo o seu esforzo "para conseguir facer historia e asinar o terceiro mundial consecutivo". Tralos parlamentos, os dous capitáns do equipo, Pedro Gil e Guillem Trabal entregaron unha camiseta da selección ao Alcalde co dorsal de Pontevedra.

Ler mais......

martes 23 de junio de 2009

Antonio García Abilleira, do Sotavento, representará a España no Campionato de Europa de apnea

O submarinista do Sotavento superou a marca galega de apnea dinámica no Campionato de España, demostrando asi a súa calidade deportiva para competir no Campionato de Europa que se celebrará en Dinamarca.
Os pasados días 12, 13 e 14 de Xuño tivo lugar en augas de Tenerife o X Campionato de España de Apnea, no que o equipo galego composto por Antonio García Abilleira, Héctor Costa Fernández (os dous do Club Sotavento de Pontevedra) e Juan Carlos Ben (do club Faro Roncadoiro de Lugo) acadaron o cuarto posto na clasificación xeral. O resultado, aínda que bo, estivo marcado por unha nota dramática, o desvanecemento sufrido por Juan Carlos Ben cando regresaba á superficie dende os 42 metros de profundidade, que supuxo a súa descalificación na proba. Os galegos competiron nas principais modalidades da apnea: - Apnea estática (aguantar a respiración boca abaixo na piscina) - Apnea dinámica (percorrer a maior distancia posible buceando na piscina) - Jump blue (percorrer a maior distancia posible ó redor dun cadrado de 15x15 metros situado a 10 metros de profundidade) - Peso contante (descender á maior profundidade posible en mar aberto) A extraordinaria actuación de Antonio García levouno a acadara categoría de subcampión de España en apnea dinámica, chegando aos 124 metros e pulverizando a marca galega que ata entón estaba nos 112 metros. Ademáis, conseguiu bater a marca galega de Jump blue, con 81.5 metros, fronte aos 80 metros do tempo anterior, quedando cuarto de España nesta modalidade. Estas marcas dan fe do seu extraordinario estado de forma. Unha calidade deportiva da que o seleccionador nacional é consciente, polo que irá a por todas a Dinamarca para conseguir o mellor posto no Campionato de Europa.

Ler mais......

martes 16 de junio de 2009

Os patinadores federados gozarán da entrada gratuíta durante todo o Mundial

Os deportistas federados poderán acceder ás instalacións de Vigo e Pontevedra de maneira gratuíta previa presentación da licenza correspondente á tempada 2008/2009.

O comité organizador do Mundial Vigo 2009 comunicou á Federación Galega de Patinaxe, que preside Enrique García-Raposo, que todo aquel deportista federado en Galicia coa FGP, con independencia da modalidade patinaxe artística, patinaxe de velocidade, hóckey a patíns, hóckey en liña), poderá asistir aos partidos de Vigo e Pontevedra de forma gratuíta, unicamente coa presentación da súa licenza federativa. Con esta medida o Presidente busca encher á bancada en todos os partidos e bater a marca de espectadores.
O xogador, adestrador ou directivo con licenza da Federación Galega de Patinaxe que queira acudir ao mundial terá que presentarse no despacho de billetes do Ifevi ou do Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra para retirar a súa entrada, previa presentación da licenza 2008/2009. Agora ben, a invitación estará restrinxida por motivos de seguridade, polo que a persoa federada que se dirixa á taquilla recibirá unha entrada sempre que o aforamento non estea esgotado.

Ler mais......

miércoles 10 de junio de 2009

Xa se poden adquirir as entradas para o Mundial de Hockey a patíns 2009

Dende hoxe, pódense mercar por Internet ou teléfono as entradas para o Mundial de Hockey a patíns 2009 que terá lugar o vindeiro mes de xullo. As persoas que adquiran as súas localidades antes do 30 de xuño terán un 30 por cento de desconto na primeira fase e do 20% na seguda. Os interesados poden mercar as localidades a través da páxina web do Mundial ou de forma telefónica. Os afeccionados ao hockey xa poden adquirir dende hoxe as entradas para o Mundial de Hóckey sobre patíns, que se disputará en Vigo e Pontevedra entre os días 4 e 11 de xullo. As localidades poden comprarse a través da páxina web do Mundial (http://www.mundialvigo2009.com/) ou ben nos teléfonos de venda de Caixanova 986.110500 e 902.504500. As entradas poden recollerse nas oficinas de Caixanova a partir das 48 horas despoi de realizar a compra ou no dispensador do recinto deportivo que se instalará antes da competición. Na web tamén se poden consultar os prezos, ver as diferentes zonas da bancada e facer reservas de asentos para non perderse esta cita mundial. Ademais, todas as persoas que merquen a súa localidade antes do día 30 de xuño terán un desconto do trinta por cento nas xornadas da primeira fase e do 20 por cento na segunda fase.
A xornada inaugural (cerimonia de apertura e partido España-Mozambique) custará 11 euros en asento numerado, 10 euros para adulto sen numerar e 5 euros para nen@ sen numerar (menores de 14 anos). Cada unha das outras tres xornadas da primeira fase (domingo 5, luns 6 e martes 7), tanto en Vigo como en Pontevedra, custarán 10 euros (numerada), 9 € (adulto sen numerar) e 5 (nen@ sen numerar). Para a segunda fase, os prezos varían segundo a sede. En Vigo, os cuartos de final (9 de xullo) serán iguais aos da xornada inaugural; as semifinais custarán 17 € (numerada), 15 € (adulto sen numerar) e 7 € (nen@ sen numerar). A xornada final terá os seguintes prezos: 22 € entrada numerada, 20 € adulto sen numerar e 10 € neno sen numerar. En Pontevedra, as entradas para a loita pola permanencia (baixan ao Mundial B os tres últimos) e polo Trofeo Concello de Pontevedra (para o noveno clasificado, campión da fase da morte) foron fixadas en 9 € (numerada), 7 € (adulto sen numerar) e 3 euros (nen@ sen numerar) cada día.

Ler mais......

jueves 4 de junio de 2009

Loita contra o sedentarismo este verán facendo deporte en Pontevedra

Xa non tes escusa para aburrirte no verán, pois as Concellerías de Xuventude e Deportes do Concello de Pontevedra teñen preparado un programa para non parar. Ponteverán ofrece actividades para mozos e mozas de entre 8 e 35 anos. Verán non ten porqué ser sinónimo de aburrimento. Ponteverán, o programa de lecer e cultura organizado polas Concellerías de Xuventude e Deportes do Concello de Pontevedra, ofrece atractivas actividades para vencer a apatía. No eido deportivo están previstas as seguintes actividades:
O primeiro torneo de fútbol 7 masculino e feminino, os días 10, 11 e 12 de xullo nos campos de herba sintética de A Xunqueira. Poderán participar mozos e mozas de entre 14 e 35 anos nas categorías de: cadete feminino e masculino (14-15 anos), xuvenil feminino e masculino (16-18 anos), senior feminino e masculino (18-35 anos), discapacitados. A cota de participación é de 30 euros. Podedes consultar a web do Torneo www. cafypontevedra.es Estadías no parque natural do invernadeiro e macizo central para mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Rutas en piragüa para coñecer os nosos ríos destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos. Rutas en kaiak de mar polas rías, para maiores de 18 anos, ou a partires de 16 con autorización. Xornadas de rafting para maiores de 18 anos, ou a partires de 16 con autorización. Ademais, Ponteverán ofrece cursos de formación, música e cultura. As actividades están destinadas a persoas empadroadas no Concello de Pontevedra. Porén, poderán participar tamén persoas de outros concellos a través da listaxe de espera. As inscricións faranse po rigorsa orde de chegada na Oficina Municipal de Información Xuvenil de Pontevedra, situada na rúa Sor Lucía, 2. Tamén no teléfono 986 84 03 67 e a través da dirección de correo electrónico xuventude@concellopontevedra.es

Ler mais......

miércoles 3 de junio de 2009

O Campionato Galego de Billar a Tres Bandas comezará o vindeiro mes de xullo

A fase previa celebrarase sempre en xornada de tarde (18-20 horas) desde o 27 de xullo ao 3 de agosto e, a fase final, os días 5, 6, 7 de agosto tamén de tarde. A gran final disputarase o 8 de agosto ás 19 horas. A competición terá lugar no local social do Billar Club Pontevedra, club organizador, e a entrada será gratuíta. Un ano máis, o Campionato Galego de Billar a Tres Bandas "XIV Trofeo Virxe Peregrina" concentrará en Pontevedra aos mellores xogadores da nosa comunidade. A competición terá lugar na sede social do Billar Club Pontevedra, club organizador, situada na rúa Estrada, 9.
O Trofeo, no que se estima, participarán uns 60 profesionais da disciplina, constará de dúas fases. A fase previa abarcará dende o 27 de xullo ate o 3 de agosto. As partidas xogaranse en xornada de tarde, ás 16, 18 e 20 horas. A fase final celebrarase nos días 5, 6 e 7 de agosto en horario de 18 e 20 horas. A gran final disputarase o 8 de agosto á 19 horas. O acceso ao local será libre e gratuíto durante todo o campionato.

Ler mais......